Quinase dependente de ciclina

Esquema do ciclo celular. Anel externo: I=Interfase, M=Mitose; anel interno: M=Mitose; G1=gase Gap 1; S=fase de Síntese; G2=fase Gap 2. A duración da mitose en relación con outras fases foi esaxerada neste diagrama.

As quinases dependentes de ciclina ou CDKs (ás veces Cdk, do inglés Cyclin-Dependent Kinase) son unha familia de proteína quinases que se descubriu primeiramente polo seu papel na regulación do ciclo celular. Están tamén implicadas na regulación da transcrición, procesamento do ARNm, e na diferenciación das células nerviosas.[1] Están presentes en todos os eucariotas estudados, e as súas funcións reguladoras no ciclo celular foron conservadas evolutivamente. De feito, as células de lévedos poden proliferar normalmente cando os seus xenes CDK son substituídos polos xenes homólogos humanos.[1][2] As CDKs son proteínas relativamente pequenas, con pesos moleculares entre 34 e 40 kDa, e o seu dominio de quinase comprende practicamente toda a proteína.[1] As CDK actúan sempre asociándose a unha proteína reguladora chamada ciclina. Sen a ciclina, a CDK ten pouca actividade de quinase; soamente o complexo ciclina-CDK é unha quinase activa. As CDKs fosforilan os seus substratos en residuos de serina ou treonina, polo que son serina/treonina quinases.[1] A secuencia consenso para o sitio de fosforilación na secuencia de aminoácidos dun substrato da CDK é [S/T*]PX[K/R], onde S/T* é a serina ou treonina fosforiladas, P a prolina, X é calquera aminoácido, K é lisina, e R é arxinina.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Morgan, David O. (2007). The Cell Cycle: Principles of Control. London: New Science Press, 1st ed.
  2. Lee, Melanie; Nurse, Paul. (1987). "Complementation used to clone a human homologue of the fission yeast cell cycle control gene cdc2." Nature 327:31-35.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy